Ribadeo,
porto corsario (s XVIII)
A ameaza exterior
Na primeira metade do século XVIII os holandeses deixan de ser a ameaza principal para o porto de Ribadeo, pasando a ser Inglaterra o gran inimigo para a coroa española e os seus intereses. Ademáis, o sistema defensivo de Ribadeo estaba orientado tamén a combater piratas e corsarios.
A presenza corsaria, tanto nacional como estranxeira, ten a súa explicación nas extraordinarias características do porto ribadense, lugar de abrigo natural, e na súa localización dentro do gran itinerario marítimo que unía Europa do Norte con América. José Cornide, na súa descrición da costa galega, referíndose a este porto apunta: “é ancho, cómodo e capaz de reunir embarcacións de todo xénero ata navíos de setenta canóns”.
A isto hai que sumar os constantes enfrontamentos militares sostidos pola coroa española, o que converte a costa norte de Galicia nunha zona de guerra, propicia para os corsarios en busca de botín.
A ocupación inglesa de 1719
Nos inicios da Guerra da Cuádruple Alianza, a que tería que ser gran operación de desembarco de tropas españolas en Inglaterra en apoio da rebelión jacobita, viuse reducida ao traslado de 300 soldados a Escocia a bordo das fragatas “San Francisco” e “El Galgo de Andalucía”. Unha vez feito o desembarco, as dúas fragatas regresaron a España, refuxiándose no porto de Ribadeo.
Informados os ingleses da presenza destas dúas fragatas en Ribadeo, o 27 de setembro de 1719 entran na ría tres barcos inimigos canoneando o Forte de San Damián e o baluarte da Atalaia. A inferioridade da artillería defensiva ribadense, limitada aos vellos canóns do século XVII de 4, 6 e 8 libras de calibre, fronte a moderna artillería inglesa de 18, 20 e 24 libras, fixo inevitable o posterior desembarco por parte dos ingleses.
As condicións que os atacantes ingleses impuxeron á vila de Ribadeo para non destruila foron demasiado onerosas: 2.000 dobróns, 50 vacas, 25 carneiros e 12 pipas de viño. Ao final, e gracias a un soborno de 100 dobróns entregado a dous capitáns ingleses que negociaron a rendición, conformáronse coa entrega de tan só 500 dobróns e abandoaron o porto, non sin antes destruir o Forte de San Damián.
Desembarco inglés en Vigo en 1719
Porto corsario
Será durante a Guerra da Orella de Jenkins cando o porto de Ribadeo volve a ter un papel estratéxico destacado, ao converterse en base de buques corsarios vascos e tamén algúns ribadenses. Tratábanse de veciños e comerciantes ricos da vila con capacidade para armar un barco con canóns que empregaban, baixo patente de corso, para atacar barcos inimigos.
A actividade corsaria entendíase como unha actividade lucrativa, onde investir caudais e créditos en espera da obtención do máximo beneficio. A elevada contía das ganancias xustificábase polos grandes riscos inherentes á tarefa. Basicamente, un corsario era aquela persoa, ou buque, que tiña en posesión unha das chamadas «patentes de corso» que outorgaba ao seu portador a licenza de facer o corso. Ou o que é o mesmo: atacar e apresar os buques mercantes do inimigo. O corsario levaba entón unha parte do diñeiro obtido pola venda do botín ou do buque apresado, sendo outra parte o beneficio que levaba a Facenda do país do corsario.
Exemplos de barcos empregados no corso con base en Ribadeo durante a Guerra da Orella de Jenkins, foron as fragatas vizcaíñas “San Miguel” (1742), “San Juan Bautista” (1742), “Nuestra Señora de la Begoña” (1743) ou as ribadenses “Nuestra Señora del Carmen” (1744), e “Nuestra Señora de la Portería” (1744), que apresaron e conduciron a Ribadeo varios navíos ingleses e holandeses cargados de aceite, viño, carne ou froita. Consecuencia deste novo papel estratéxico do porto ribadense, será a reconstrución do Forte de San Damián en 1743 e a dotación de novas pezas de artillería.
A reedificación do Forte
Destruído en 1719 durante o ataque inglés á vila, o Forte de San Damián será reedificado en 1743 baixo a dirección do enxeñeiro militar Arnold Hontabat, enviado polo enxeñeiro en xefe de Galicia, Juan Vergel. As obras comezan en agosto de 1743 e finalizan en novembro dese mesmo ano, acadando un custo de 6742 reais costeados entre a Facenda Real, a Provincia e o propio Concello.
José Cornide, na súa “Descripción circunstanciada de la costa de Galicia y raya por donde confina con el inmediato Reino de Portugal” de 1764, descríbeo do seguinte xeito:
“É de figura circular, antigo e sen foso nin cuartel para a tropa por ser reducido o seu recinto. Ten sete ou oito canóns de ferro montados cara o mar e varias troneiras para fusilería. A súa guarnición compóñena vinte homes e un oficial que envían da praza da Coruña e se muda cada catro meses. Non ten cuartel, e a tropa ponse nunha casa inmediata. É capaz de conter en caso de necesidade no seu recinto 150 homes.”
O novo Forte
Co porto de Ribadeo convertido nun dos máis importantes de Galicia da segunda metade do século XVIII, no ano 1763 o Forte de San Damián será completamente reformado e ampliado, segundo o deseño do prestixioso enxeñeiro militar, arquitecto e urbanista, Francisco Llovet. Convértese deste xeito na primeira gran obra arquitectónica da Ilustración en Ribadeo firmada por un técnico con formación académica. O proxecto foi elaborado por orde do capitán xeneral do Reino de Galicia, Carlos Francisco de Croix, Marqués de la Croix, e remitido para a súa aprobación aos sucesivos secretarios de Estado Ricardo Wall e ao Marqués de Esquilache, mostrando a importancia estratéxica que Ribadeo e a súa fortificación tiñan para a coroa e a defensa do reino.
Así e todo, a poboación da época deixaría constancia do seu lamento por non se ter feito estas obras de mellora na fortificación 25 anos antes, en clara referencia ao episodio da ocupación inglesa e a insuficiencia mostrada polas defensas da vila para rexeitar o ataque estranxeiro.
Francisco Llovet (1705 – 1785) é destinado a Galicia como enxeñeiro en xefe e tenente coronel en 1750. Establecido en Galicia, ata 1764, desenvolve unha intensa labor levantando numerosos proxectos, planos e mapas das súas rías e portos, así como das fortificacións do reino. Especialmente importantes serán os relacionados có Real Arsenal do Ferrol e as fortificacións da Pescadería en A Coruña.
Como características edificativas, planease un castelo ou batería de figura triangular, pechada pola parte de terra con dous semibaluartes unidos por un muro aspilleirado, similar a un hornabeque, e precedido cun foso de dez pés de ancho e nove de profundidade. No seu interior, proxéctase unha polvoreira cuberta de bóveda e unhas dependencias con capacidade para aloxar a dous oficiais e sesenta homes. A fortificación estaba dotada con dez canóns, cinco de a 18 e cinco de a 16 repartidos por catorce troneiras. No mapa do Reino de Galicia elaborado polo enxeñeiro militar Feliciano Míguez en 1763, o Forte de San Damián aparece incluído entre as prazas e fortalezas máis principais da Costa e Rías do Reino de Galicia, destacando entre as poucas que se atopaban en bo estado na parte norte da costa galega.
Melloras finais
Entre 1768 e 1769 realizaranse pequenas obras dirixidas por Clemente Haedo (1768) e Baltasar Ricaud (1769) que acabarán de conformar o actual espazo que chega ata nós. Estas melloras inclúen entre outras a ampliación do espazo para a vivenda do gobernador do castelo, a construción de novas da superficie das cociñas e novas distribucións do espazo, como cuadras ou novas habitacións para oficiais do destacamento de infantería e artillaría. Estas invervencións finais consolidaron a estrutura e melloraron a funcionalidade da fortaleza, mantendo a súa relevancia defensiva e estratéxica para a coroa española durante o século XVIII.