Explora
O Forte de San Damián
O Castelo ou Forte de San Damián é unha fortificación abaluartada de época Moderna, situado na marxe occidental da bocana da ría de Ribadeo, no alto dunha punta costeira de perfil abrupto, que leva desempeñando durante os últimos 400 anos o papel de vixía e protector da vila e do porto ribadense.
A súa orixe remontase ao ano 1624 aínda que foi modificando a súa estrutura ata chegar a nós, mantendo na actualidade integramente inalterado o trazado orixinal co que foi deseñado polo prestixioso enxeñeiro militar Francisco Llovet na súa reedificación do ano 1763.
Adquirido polo Concello de Ribadeo en 1965 e declarado Ben de Interese Cultural no ano 1994, foi recentemente rehabilitado para albergar o actual Centro de Interpretación do Forte de San Damián, erixíndose como un dos edificios mellor conservados desta época e tipoloxía de todo o Cantábrico.
O Forte no tempo
Historia
As orixes do Forte (s XVII)
Juan Alonso de Idiáquez, marqués de San Damián, constrúe en 1624 unha batería artillada na punta do Carballo que pasa a coñecerse como Forte ou Castelo de San Damián.
Ribadeo, porto corsario (s XVIII)
Destruído en 1719 durante o ataque inglés á vila, será reconstruído no ano 1743 e reformado e ampliado no ano 1763 segundo deseño do prestixioso enxeñeiro militar Francisco Llovet.
A Guerra da Independencia (s XIX)
Desmantelado en 1809 polo exército español ante a inminente chegada das tropas francesas, será abandonado a partir de 1810 tras a súa utilización como hospital durante un breve período.