Centro de Interpretación Forte de San Damián

As orixes do Forte (s. XVII)

O contexto:
O embarcadoiro de Porcillán

A historia e evolución do Forte de San Damián atópase intimamente ligada ao desenvolvemento do porto e da vila ribadense.

A vila de Ribadeo xorde na segunda metade do século XII ao amparo dunha iniciativa persoal do conde de Sarria e Montenegro, Álvaro Rodríguez, e a súa muller, a infanta de Portugal Sancha Fernández, acadando un importante desenvolvemento baixo o dominio do seu fillo Rodrigo Álvarez, mestre da Orden de Santa María de Monte Gaudio.

En 1182, o rei Fernando II, para rematar cun conflito de intereses xurisdicionais xurdido na zona entre o bispo de Mondoñedo e o mestre de Monte Gaudio, incorpora a vila aos dominios da coroa e convértea por orden súa en Sede Episcopal dende 1183 ata 1248.

Durante a Idade Media, o porto ribadense desenrolarase acadando un marcado carácter comercial que definirá a economía da vila, o quedar esta estreitamente vinculada a economía do mar, converténdose nun nó comercial importador e distribuidor para o interior de Galicia e o occidente asturiano. A vila transformase nun polo dinámico de atracción para as poboacións veciñas, exercendo como elemento impulsor económico e favorecendo o asentamento de nova poboación.

A existencia dende tempo inmemorial dunha antiga torre de vixilancia no illote onde hoxe se apoia a pasarela do miradoiro do Cargadeiro, controlando o aceso ao primitivo fondeadoiro das Cabanas, semella ser sinal inequívoca do desenrolo medieval do porto ribadense.

Asemade, a vila medieval estaba rodeada dunha muralla que contaba con sete portas e dominada dende a parte máis alta por un castelo construídos na segunda metade do século XIV cando Ribadeo pasa a ser un Condado. En certos puntos a muralla contaba con troneiras e nalgunhas das súas portas existían pequenos baluartes.

A transformación de Ribadeo en vila condal no ano 1369 traerá consigo a construción das primeiras estructuras defensivas medievais, materializadas no castelo condal, a “Torre Vella” e o amurallamento da vila. 

Durante o século XVI, debido ás continuas guerras contra Francia, fixeron do porto de Ribadeo un obxectivo fácil de alcanzar polas flotas inimigas saídas dos portos franceses. Periódicas alertas de posibles ataques obrigaran ao reforzo e modernización das xa ineficaces defensas medievais en torno ao embarcadoiro de Porcillán, para adaptalas ao uso da artillería.

Como consecuencia construiríanse tres novas estruturas defensivas en torno a Porcillán de certa importancia pola súa condición novidosa en Galicia: O Revellín de Porcillán, o baluarte da Atalaia e a batería e garita de A Moreira.

báculo forte san damián

Báculo de Mondoñedo. Museo Nacional d´art de Catalunya.

A construción do Forte
A construción naval e o primeiro Forte

Un feito casual vai a converter a Ribadeo nunha praza militar estratéxica no cantábrico para a coroa. O afundimento do galeón “Santiago de Galicia” na Ría de Ribadeo, onde se refuxiara despois de combater con navíos ingleses e holandeses, no ano 1597, fará que o propietario deste barco, Jácome Juan de Polo, se traslade a Ribadeo para construír un novo galeón (o “San Felipe”) cós restos aproveitables.

Durante a súa permanencia en Ribadeo, de Polo ampliará a súa actividade coa construción en 1605 doutros tres galeóns (“San Pedro”, “San Pablo” e “San Francisco) para o empresario portugués Juan Núñez Correa, adxudicatario dun contrato coa coroa para a construción dos galeóns da Armada da Garda da Flota de Indias. 

A construción destes galeóns de guerra fai que o porto de Ribadeo pase a ser obxectivo militar para a armada holandesa no contexto da Guerra dos Oitenta Anos. O perigo que ameaza aos galeóns en construción en Ribadeo, destinados ao servizo do Imperio Español, fai que por primeira vez a coroa se interese pola defensa militar do porto de Ribadeo, cuxa condición de vila condal a obrigaba a defenderse polos seus propios medios.

Ante a evidente falta de defensas axeitadas para a vila e sobre todo para o estaleiro, en 1605 o capitán xeneral do Reino de Galicia presenta ao rei un proxecto de Bartolomé Muñiz, sarxento maior do Distrito de Ribadeo, para construír unha fortificación na “Punta do Carballo” para defender a entrada do porto de Ribadeo. Con todo, o proxecto no chegará a executarse.

O estaleiro ribadense convértese deste xeito no primeiro e único de Galicia no que se constrúan galeóns de guerra, fito que se repetirá en 1624, cando a Xunta do Reino de Galicia contrata a Juan Pardo Osorio a construción de catro naves para formar a Escuadra de Galicia e este decida a súa factura no estaleiro de Porcillán, aproveitando a súa orixe e prestixio familiar na comarca.

Nese mesmo ano de 1624 chega un correo de San Sebastián alertando dun inminente ataque holandés. O capitán xeneral do Reino de Galicia, Juan Alonso Idiáquez de Butrón y Mújica, marqués de San Damián, acudirá entón a Ribadeo dende A Coruña con soldados e catro grosas pezas de artillería de ferro colado. Levantarase unha batería artillada na “Punta do Carballo” xurdindo unha nova infraestrutura defensiva que evolucionará a partir de entón ata converterse no Forte de San Damián.

Desta primeira fase de construción da fortificación non existe documentación gráfica, pero si comunicacións e escritos da época que nos dan idea dunha primeira configuración da fortaleza. Consistía nunha batería de terra e faxina con capacidade para cincuenta soldados, cunha planta adaptada á orografía do terreo procurando o mellor aproveitamento posible, e dotada de oito grosas pezas de artillería de ferro colado.