Centro de Interpretación Forte de San Damián

A Guerra da
Independencia (s XIX)

O Forte no século XIX

Durante os primeiros anos do século XIX, o Forte de San Damián mantivo a súa relevancia estratéxica na defensa de Ribadeo. Continuou a súa función histórica como punto de vixilancia e protección do litoral, fortalecendo un período de esplendor económico e desenvolvemento social para a cidade. Pascual Madoz no seu “Diccionario geográfico – estadístico – histórico de España y sus posesiones de ultramar”, referíndose ao porto ribadense, di: “é o máis coñecido e frecuentado dende Ferrol ata Santander”.

Na segunda metade do XVIII a masiva importación do liño e cánabo dos portos do norte de Europa destinado á fabricación de lenzos nos teares de galegos fai do porto de Ribadeo o principal receptor de toda Galicia destas fibras vexetais. A súa posición estratéxica no comercio marítimo entre Europa, Norteamérica e América consolidou a importancia económica da vila e atraeu investimentos en infraestruturas portuarias. Todo isto vai provocar que Ribadeo viva unha época de esplendor e desenvolvemento económico e social que chegará ata finais do primeiro cuarto do século XIX. O Forte de San Damián continúa, por tanto, a desempeñar un papel importante e estratéxico para a defensa e vixilancia da costa para a coroa.

Na Relación topográfica das prazas e postos fortificados do Reino de Galicia realizada no ano 1800 polo entón director de enxeñeiros de Galicia, Miguel Hermosilla y Carvajal, coa finalidade de analizar o estado das mesmas e propoñer de ser o caso as obras necesarias en cada unha delas para poñelas en estado de defensa, faise constar expresamente as excelentes condicións do porto local para o comercio e a existencia na vila de Ribadeo de “administracións de todas as rendas que producen moito ao Rei”.

Analizada a situación que presenta a fortificación, Hermosilla, pon de manifesto a existencia dunha falla no seu deseño que é necesario corrixir. O fondeadoiro natural onde amarran os buques situase xusto enfronte da situación do forte. Pero das catorce troneiras con que conta, once apuntan a entrada da ría, estando moi mal orientadas cara o fondeadoiro, e tres ao interior do porto, polo que non defenden o fondeadoiro, que se atopa ao fronte do ángulo máis agudo da batería. De aí, que non fose capaz de impedir que no verán de 1798 fosen “insultados” polo inimigo varios barcos que se atopaban ancorados nel.

Para poñer solución a este problema, deseña unha solución que redondea a referida porción aguda e modifica a distribución das troneiras para adaptalas á dotación de artellaría coa que conta o forte, 10 canóns (dos que un se apunta que está inservible). As obras calcula que se fagan en 2 – 3 meses cun coste de 38.354 reais. Con todo esta reforma nunca chegará a realizarse.

A comezos de século sabemos, sen embargo, que o forte se atopa nunha situación de semiabandono. O destacamento de tropas composto por máis de 40 homes que dende finais do século pasado tiña a súa base de xeito regular en San Damián, redúcese en 1805 simplemente a dous soldados e un cabo do rexemento de León, e a oito paisanos da vila. Isto provocara a queixa do Concello, que no contexto da guerra anglo-española, solicita, sen éxito, ao Capitán Xeral o envío de tropas para o correcto resgardo do porto e o castelo.

Desmantelamento e abandono do Forte

A Guerra da Independencia e a ocupación francesa marcaron un punto de inflexión decisivo na historia do Forte de San Damián. En 1809, tras a chegada a Mondoñedo dos franceses, o xeneral François Fournier dirixiu unha forza de 150 homes cara a Ribadeo. Establecida a defensa militar da chamada “Línea del Eo” na ribeira asturiana da Ría de Ribadeo, os soldados españois pasaron apresuradamente ao Forte de San Damián para retirar del todo o que puidera ser aproveitado polos franceses, destruindo a polvoreira e tirando ao mar polo cantil todos ou a maior parte dos canóns.

O 25 de xaneiro de 1809 o xeneral Fournier chegou a Ribadeo, estableceu o seu cuartel no convento de Santa Clara e impuxo ás aldeas veciñas severas demandas de alimentos e víveres. Catro días máis tarde os franceses tratan de repregarse de novo a Mondoñedo, pero son atacados nunha emboscada á altura da Ponte, sufrindo varias baixas. Mentras tanto, o xeneral do exército español José Worster sitúa en San Román, nas Figueiras, unha batería de artillería dende a que o 1 de febreiro empeza a bombardear Ribadeo. Ao día seguinte as tropas españolas pasan a Ribadeo, de onde xa conseguiran retirarse os franceses, e cometen todo tipo de excesos contra os membros da Xunta local, chegando a asasinar ao máis coñecido deles: Antonio Raymundo Ibáñez.

 Fournier, auxiliado por tropas de Lugo e Ferrol, recibiu o apoio de 2.000 homes de infantería contraatacando e provocando a dispersión e desordeada retirada dos homes de Worster. Os franceses regresaron á vila de Ribadeo o 5 de febreiro, abandoándoa definitivamente a principios de marzo.

O Forte de San Damián foi usado brevemente como hospital militar para atender aos feridos procedentes do hospital levantado en Oviedo coa chegada á capital asturiana dos franceses. Finalmente, o Forte foi abandonado en xullo de 1810, quedando aberto e á mercé do saqueo da veciñanza ata que a súa entrada foi tapiada en 1813.